Dura estrea para Jéssica Bouzas en Roland Garros

O Salnés
22 de maio 2025
Actualizado: 29 de maio

A tenista arousá, que vén de caer no cuarto de final do WTA 250 de Rabat, enfrontarase en primeira rolda do grand slam parisiense á número nove mundial, a estadounidense Emma Navarro

Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup RFET

Difícil primeira rolda espéralle a Jéssica Bouzas no segundo gran slam do ano, Roland Garros.

Este xoves celebrouse o sorteo do cadro final do torneo parisiense, ao que Bouzas entra directamente por ranking por segundo ano consecutivo.

Uns emparellamentos que deixaron unha exixente rival para a estrea na terra de París.

Bouzas medirase en primeira rolda a unha cabeza de serie, actual número nove do mundo, como a estadounidense Emma Navarro.

Será a primeira vez que vexan as caras no circuíto profesional, coa norteamericana nun dos seus mellores momentos e tras levantar recentemente o título do WTA 500 de Mérida, sobre pista dura.

No caso de superar o partido, en segunda rolda mediríase á vencedora do duelo entre a estadounidense Robin Montgomery (116 do ranking) e a francesa Diane Parry, convidada pola organización.

Jéssica aterrará en Roland Garros tras participar no WTA 250 de Rabat, en Marrocos, torneo no que avanzou até os cuartos de final caendo este mesmo xoves fronte á australiana Ajla Tomljanović (6-1, 6-3).

Co seu sóla presenza en París defenderá os puntos conseguidos na pasada edición, aspirando en caso de superar algunha rolda ao seu mellor resultado no grand slam de terra batida.