Fíxose de rogar pero finalmente é xa unha realidade. A Sociedad Deportiva Teucro anunciou este venres a renovación por un ano do extremo dereito Edu Moledo.
O extremo cangués, aos seus 30 anos, cumprirá así a súa cuarta campaña no equipo e volverá gozar da máxima categoría, algo para o que recoñece estar "moi motivado".
"Tiña moitas ganas de volver xogar na Liga Asobal. Traballarei para que sexa un bo ano", declarou tras a renovación Moledo, que compartirá posto de novo con Ángel Iglesias.
Coa súa renovación o Teucro practicamente completa o plantel con 14 xogadores en nómina, debido ás fichaxes do pivote italiano Giuseppe Colasuonno e o lateral brasileiro Bruno de Castro e ao seguir un ano máis Jorge García Lloria, Javi Santana, Carlos García, Óscar Silva, Jose Manuel Rial, Borja Méndez, Dani Hernández, Ángel Iglesias, Johnny Medina, Iván Fernández, Juan Quintas e o propio Moledo.
A pesar diso antes de que se inicie a pretempada é de esperar algún movemento coa intención de achegar maior profundidade ao equipo ante o alto nivel competitivo que se espera na Liga Asobal.