O Club Cisne Balonmano salvou un empate no último enfrontamento do ano en casa do Balonmano Benidorm (26-26) e despide o 2025 na undécima praza da División de Honra Prata.
O choque comezou cun intercambio constante de golpes, cos ataques impóndose ás defensas e un marcador igualado nos primeiros compases.
O Cisne foi o primeiro en dar un paso á fronte e asinou un parcial de 0-6 grazas ao acerto de Yago López, Diego López, Iago Costas e Manu Lorenzo, alcanzando unha vantaxe de cinco goles (4-9) en apenas doce minutos.
Ese resultado obrigou ao conxunto local a espertar, logrando mesmo porse momentaneamente por diante no marcador para evitar quedarse descolgado antes do intermedio. Aínda así, os de Lérez mantiveron a iniciativa e marcháronse ao descanso por diante (12-15).
Tras a continuación, o Benidorm foi reducindo aos poucos a diferenza até igualar o luminoso no minuto 37 (16-16).
Foi no último cuarto de hora cando o Cisne empezou a acusar o desgaste físico, mentres os alacantinos, levantados pola súa afección, conseguían a súa primeira vantaxe clara de todo o partido (21-18).
Con esa diferenza chegouse aos últimos dez minutos, nos que o partido descontrolou por completo. Roney emerxeu baixo paus na portaría cisneista e o seu equipo respondeu apertando o marcador na recta final.
Sempere pareceu sentenciar o duelo a falta de 15 segundos, pero os brancos, nunha última xogada de fe, estableceron o 26-26 por medio de Guilherme Linhares.
Consulta as estatísticas neste enlace