É momento para a despedida no Tenis de Mesa Monte Porreiro.
O club pontevedrés di adeus despois de cinco tempadas a un xogador que foi un puntal para o seu equipo masculino, partícipe dos mellores anos da entidade.
Miguel Ángel Vílchez pon fin ao seu ciclo en Pontevedra, onde chegou en 2021 e onde contribuíu de maneira decisiva na boa marcha do Monte Porreiro na Superdivisión nun equipo que chegou a xogar con el competición europea e que se consolidou na máxima categoría nacional.
Vílchez ademais, na súa etapa na Boa Vila, proclamouse campión de España absoluto de tenis de mesa, todo un fito logrado en 2025 e que se sumou ao ouro en dobres logrado en 2023.
Por todo iso, e tras formar parte dunha auténtica familia deportiva, o proio Vílchez despediuse de maneira pública do TM Monte Porreiro cunha emotiva mensaxe.
O xogador explica que di adeus "a unha etapa que marcou a miña vida dunha forma moi especial"
"Cheguei sen imaxinar todo o que este club me ía a dar, e voume co corazón cheo. Aquí non só fun xogador, senón que crecín, aprendín e vivín momentos que quedarán para sempre", engade referíndose a éxitos na pista pero sobre todo por telos podido compartir "con persoas incribles".
Miguel Ángel Vílchez agradece a súa implicación a todos os que forman parte do club, pero sobre todo ao seu adestrador Nando Álvarez "por transmitir o que é unión e ilusión, e facerme confiar cando estaba no máis abaixo".
Por todo iso "levo recordos indelebles", asegura, e é que "as despedidas doen cando o vivido foi tan bonito, pero non é un adeus definitivo, porque os lugares que te marcan nunca se deixan de todo", afirma un xogador que desde Monte Porreiro chegou a ser internacional coa Selección Española.