As finais da Copa Deputación de fútbol disputaranse en Pasarón

Pontevedra
12 de maio 2025

O estadio do Pontevedra Club de Fútbol acollerá os partidos decisivos polo título provincial o vindeiro domingo 18 de maio

Vista do Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Un escenario de altura para despedir a edición 24/25 da Copa Deputación de Fútbol.

As finais, tanto masculina como feminina, do recuperado torneo provincial disputaranse o vindeiro domingo 18 de maio no Estadio Municipal de Pasarón.

Así o confirmou este luns a institución provincial, principal patrocinador do Pontevedra Club de Fútbol.

Desta forma a final masculina que enfrontará a Club Juventud Cambados e o CD Cultural Areas disputarase ás 12.00 horas, mentres que a feminina que medirá a San Roque Casablanca e o Domaio FC terá lugar pola tarde, ás 16.30 horas.

A Copa Deputación é un torneo que poden disputar todos os equipos da provincia de categoría rexional, e que esta campaña contou con 159 clubs participantes.

A achega da administración provincial para este torneo é de 120.000 euros.

A celebración destas finais foi un dos asuntos tratados este luns nun encontro institucional entre o presidente da Deputación, Luís López, e o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto.

Foi o primeiro encontro entre ambos os dous tras o nomeamento de Prieto como máximo responsable do fútbol autonómico.

Encontro entre Luís López e Pablo Prieto na DeputaciónDeputación de Pontevedra