Gabri Palmás, un reforzo de altura para a dianteira do Arosa

O Salnés
15 de xullo 2025

Aos seus 27 anos, Palmás súmase ao proxecto arlequinado "coa mesma ilusión de sempre" e pensando en cumprir os obxectivos marcados, que pasan polo ascenso de categoría

Presentación de Gabri Palmás como xogador do Arosa Arosa SC

O moañés Gabri Palmás converteuse na nova fichaxe do Arosa para a tempada 2025-2026, na que club de Vilagarcía volverá competir na Terceira RFEF.

Aos seus 27 anos, Palmás súmase ao proxecto arlequinado "coa mesma ilusión de sempre" e pensando en cumprir os obxectivos marcados, que pasan polo ascenso de categoría.

Formado nas categorías inferiores do Alondras, o dianteiro concluíu a súa etapa xuvenil na canteira do Real Club Celta, desde a que regresou ao seu primeiro equipo para iniciar a súa traxectoria sénior.

De aí pasou polo Choco e, tras dous anos na SD Compostela, fichou polo Ourense CF, co que logrou dous ascensos, desde Terceira RFEF a Primeira RFEF.

Na última tempada xogou na SD Ejea, un equipo zaragozano de Segunda RFEF.

Chega con "sensacións boas", indicou este martes en rolda de prensa, destacando que vir ao Arosa "era unha opción boa para estar en casa e estar máis cómodo".

A súa decisión de fichar polo Arosa, declinando ofertas de superior categoría, débese tamén, segundo explicou, ao carácter histórico do club e á súa gran masa social "que se merecen estar como mínimo unha categoría máis arriba".

Explicou que aínda que sente máis cómodo xogando como dianteiro "tamén podo xogar nos extremos ou nas bandas", subliñando que o seu obxectivo será "ser un máis, traballar como o que máis e facelo o mellor posible para que lle vaia ben ao club".

Durante a tempada, destacou Gabri Palmás, será clave a "unión" dentro do vestiario e tanto coa directiva como coa afección "nos momentos bos e nos malos", xa que "ao ser todos un" entende que estarán máis preto de lograr o ascenso.

David López 'Perú', o secretario técnico do Arosa, explicou que coa fichaxe de Gabri "temos tres dianteiros de diferentes perfís", polo que a prioridade agora será atopar un xogador de perfil exterior "que nos dea profundidade e velocidade por fóra".