A quinta Copa Galicia está a só un partido para o Poio Pescamar.
O conxunto conserveiro meteuse na final do torneo autonómico tras superar con solvencia este martes na Seca o Burela por 7-1.
Foi con todo un duelo máis traballado do que reflicte o marcador final, pero no que as vermellas levaron a pauta en todo momento.
Chuli no minuto 8 e Débora no 15 puxeron en vantaxe o Poio no primeiro acto.
Martita marcou o terceiro cando transcorreran uns poucos segundos de xogo da segunda metade, e aínda que el Burela recortou un minuto despois distancias cun tanto de Laura Barranco, as locais mostraron a súa pegada para sentenciar.
Èlia no minuto 27, Chuli no 29 e de novo Èlia no 30 ampliaban a vantaxe para deixar sen opcións o conxunto lucense, que aínda encaixou o 7-1 final de Zaide Pérez a pouco da conclusión.
Con este triunfo o Poio Pescamar regálase pelexar por un título, á espera do que suceda coa fase final da Copa da Raíña e cunha liga na que apunta ao play-off polo título.
No caso da Copa Galicia presúmese ademais como unha cita ilusionante xa que a final, do mesmo xeito que sucedeu en 2017 cando levantou o seu primeiro trofeo, disputarase no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, á beira da casa.
Será en Semana Santa, o xoves 2 de abril, en horario aínda por confirmar contra o FSF Castro, equipo tamén da Primeira División.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.