Homenaxe a Pablo Vázquez na reunión de ex xogadores e directivos do Pontevedra

Pontevedra
06 de febreiro 2024

O que fóra capitán do Pontevedra Club de Fútbol ata a súa retirada no ano 2002, o último 'One Club Man' da entidade granate, será homenaxeado o vindeiro venres 16 de febreiro nunha comida de ex-xogadores, directivos e afeccionados

Pablo Vázquez, ex-xogador do Pontevedra CF
Pablo Vázquez, ex-xogador do Pontevedra CF / Mónica Patxot

A tradicional xuntanza de ex-xogadores, directivos e afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol terá este ano un motivo que a fai se cabe un pouco máis especial.

Na reunión, que se fixou para o vindeiro venres 16 de febreiro, homenaxearase a un dos grandes capitáns da historia recente do club, Pablo Vázquez, retirado no 2002 e último 'One Club Man' do Pontevedra, xa que o lateral non só se formou nas categorías inferiores senón que na súa etapa sénior só defendeu a elástica granate na Segunda División B.

Foron un total de 288 partidos oficiais coa entidade de Pasarón ao longo de 12 tempadas, ata a 2001-2002, cando unha grave lesión de xeonllo obrigoulle a deixalo. 

Agora, 22 anos despois e tras pasar tamén polos bancos do club, recibirá un merecido recoñecemento á súa traxectoria nunha xornada que prevé unha misa no santuario da Peregrina (13.30 horas) e unha comida na Finca Batacos (14.30 horas) á que poden apuntarse os afeccionados que o desexen.