Os horarios, un elemento engadido de presión para Pontevedra e Numancia

Pontevedra
13 de febreiro 2025

En catro das últimas cinco xornadas, contando a que se vai a disputar esta fin de semana, o Pontevedra saltou ao terreo de xogo sabendo o que fixera o seu principal rival polo ascenso

Partido entre Pontevedra CF e UP Langreo en Pasarón Cristina Saiz

Nunha pugna tan rifada e pechada como a que protagonizan Pontevedra Club de Fútbol e CD Numancia, e que ameaza con prolongarse até a última xornada do campionato, calquera detalle pode acabar tendo incidencia na clasificación.

Neste sentido os horarios fixados para os partidos poden ser un elemento de presión engadida para os dous contendentes pola única praza de ascenso directo a Primeira RFEF.

Pois ben, no que vai de 2025, o Pontevedra afíxose xa a saltar ao campo coñecendo o que fixo previamente o seu máximo rival.

A última vez que os granates xogaron antes que o Numancia foi a última xornada da primeira volta en Ávila (21 de decembro).

Desde entón disputáronse catro encontros (máis a xornada aprazada entre ambos os dous) e en tres desas ocasións os sorianos competiron antes, xogando ás 12.00 do domingo no campo do Compostela, o sábado no seu estadio fronte ao Coruxo e de novo na súa visita ao Fabril o pasado domingo ás 12.00 horas.

É unha situación que se repetirá esta próxima xornada, posto que o Numancia xogará na casa o domingo 16 de febreiro ás 12.00 horas, recibindo o Llanera, mentres que o Pontevedra visitará o feudo do Marino ás 17.00 horas da tarde.

En todo este intervalo, dous meses completos de competición, só unha vez os dous 'galos' da categoría saltaron ao terreo de xogo en igualdade de horario, e foi precisamente o partido de peor recordo da tempada para os granates, xa que foi a súa derrota en Riazor contra o Fabril na matinal dun domingo na que o seu rival venceu o Bergantiños logrando recuperar o liderado.

Unha coincidencia por certo que se volverá a dar na xornada 24, o vindeiro domingo 23 de febreiro, na que os granates recibirán en Pasarón o Escobedo (17.00 horas) no mesmo horario no que o Numancia renderá visita á UP Langreo.