Ilusións europeas para o piragüismo pontevedrés en Bulgaria

Pontevedra
12 de xullo 2017

A cidade búlgara de Plovdiv será escenario desde o vindeiro venres do Campionato de Europa Sprint Senior, ao que acoden varios padexeiros pontevedreses como Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio Pescamar), candidatos a todo no C-2

Adrián Sieiro e Sergio Vallejo durante o Campionato Galego en Verducido

Chega unha das grandes citas da tempada para o piragüismo pontevedrés, que estará representado no Campionato de Europa Sprint senior que arrinca o vindeiro venres 14 de xullo.

A localidade búlgara de Plovdiv acollerá unha competición na que varios padeeiros da provincia aspiran a ser protagonistas, como Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio Pescamar) na canoa.

Sieiro e Vallejo chegan á cita co obxectivo de pelexar polo podio no C-2 1.000 metros despois do seu bo papel nas copas do Mundo de Hungría e Serbia, aínda que o primeiro deles participará tamén no C-1 200 metros.

Outra das bazas da comarca será Natalia García (Breogán do Grove) no K-4 500 xunto a Estefanía Fernández, Miriam Veiga e a tamén galega Raquel Dacosta (Club As Torres).

Pola súa banda Elena Naveiro (Breogán do Grove) competirá en Plovdiv no Europeo de Paracanoe na modalidade de L3 K1 200 metros.

O campionato comezará oficialmente o xoves coa cerimonia de apertura. O venres terán lugar as semifinais de 1.000 e 500 metros, o sábado veranse as primeiras finais cos K-4 1000 metros e o C-2 feminino na distancia de 500 metros, ademais das series de paracanoe, e o domingo disputaranse as finais de 500 e 200 metros.