O Pontevedra Club de Fútbol sorprendeuse polo balbordo que causaron en Soria as desiganciones arbitrais para a próxima xornada de liga en Segunda RFEF.
Quéixanse na contorna do Numancia, cunha publicación incluída do perfil oficial en X do equipo castelán-leonés, de que o colexiado do seu próximo partido no campo do Langreo será o pontevedrés Alberto Gómez Lameiro.
"Por esa regra de tres entón a nós tampouco nos poden arbitrar castelán-leoneses, como puido ser por exemplo o dia do Fabril. Imos empezar a especular e a pensar en favoritismos ou que hai segundas e terceiras intencións? Non o creo", asegurou este venres en rolda de prensa o adestrador do Pontevedra, Yago Iglesias.
"Tampouco podo valorar moito", sinalou o técnico tentando restar importancia á situación.
Con todo si quixo defender que "confío, cegamente, no bo facer dos árbitros, na imparcialidade", engadindo que "a nós tamén nos arbitraron colexiados de Castela-León e nunca dubidamos do seu bo facer".
Ademais Yago Iglesias asegurou na súa comparecencia que "non me imaxino a un club como o Pontevedra facendo un comunicado dese tipo".
PARTIDO CONTRA O ESCOBEDO
A polémica arbitral desviou lixeiramente a atención do que importa, o partido de liga que o Pontevedra deberá afrontar este domingo 23 (17.00 horas) en Pasarón fronte a un Escobedo que asusta cos seus números as útimas semanas, ao acumular sete xornadas sen recibir un só gol en contra.
"Estamos avisados", alerta Yago Iglesias, e é que "é un equipo que está a facer as cousas moi ben e, nunha clasificación do que vai de segunda volta serían líderes, así que hai que darlle a importancia que ten e o respecto que ten", analiza o adestrador granate.
SEN IGOR IRAZU NIN DALISSON
O Pontevedra afrontará de novo esta xornada sen o seu máximo goleador, Dalisson de Almeida, aínda que Yago deixou unha mensaxe esperanzadora sobre a súa volta aos terreos de xogo ao revelar que "a verdade é que as sensacións cada vez son mellores".
En todo caso "aínda queda un pouco porque as probas que lle fixeron esta semana, de ecografías e demais, aínda din que a lesión non está cicatrizada de todo", explicou.
No que respecta ao central "empezou a semana mal", pero tras realizarlle probas para descartar unha lesión ósea "en principio non hai nada", aínda que está "totalmente fóra de grupo e seguramente sexa baixa para esta fin de semana", confirmou Iglesias.