Inscrición de "gran nivel" para a Copa do Rei e da Raíña de tríatlon

Pontevedra
12 de maio 2016

A competición, que se celebrará en Pontevedra xunto ao Campionato de España por remudas os días 21 e 22 de maio, conta xa coa participación confirmada de case mil deportistas de 200 clubs, entre os que se atopan triatletas destacados como Uxío Abuín, Antonio Serrat, Pablo Dapena, Antón Ruanova, María Ortega, Anna Godoy ou as irmás Alonso, entre outros

Anxos Riveiro, Miguel Anxo Fernández Lores e Óscar Surís presentan a Copa do Rei de tríatlon PontevedraViva

A Copa do Rei e da Raíña de Tríatlon, xunto ao Campionato de España por Remudas, converterá a Pontevedra na capital nacional do tríatlon durante a fin de semana do 21 e 22 de maio.

A cidade de Lérez prepárase unha vez máis para acoller á elite nacional deste deporte, nesta ocasión cunhas competicións por equipos que concentrarán un gran denúmero de deportistas na cidade.

As ausencias dos triatletas olímpicos, como Gómez Noya, Mario Mola ou Fernando Alarza, serán compensadas cunha inscrición de "gran nivel", recoñece o presidente da Federación Galega, Óscar Surís.

Non é para menos, xa que entre os 973 deportistas confirmados xa para a Copa, de 200 clubs nacionais, atópanse triatletas da talla de Antonio Serrat, Uxío Abuín, Pablo Dapena, Antón Ruanova, María Ortega, Anna Godoy ou as irmás Alonso, entre outros.

A Copa do Rei e da Raíña disputarase o sábado 21 de maio, desde as 13:00 horas, cun rechamante formato de competición. Os equipos, dun mínimo de catro deportistas e un máximo de seis, irán saíndo un a un para afrontar un tríatlon en distancia sprint (750 metros de natación, 19 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pé) a modo de contrarreloxo, valendo para a clasificación xeral o tempo do cuarto integrante do equipo que cruce a liña de meta.

Ademais da categoría de elite, competirán deportistas en categoría Open e en idade Escolar (de 15 a 17 anos), nun circuíto que se desenvolverá na contorna da ponte dos Tirantes.

En canto ao Campionato de España por Remudas, celebrarase o domingo 22 de maio con 721 inscritos ata a data de 240 equipos. Os participantes completarán un mini tríatlon de 250 metros de natación, 6 quilómetros de ciclismo e 1,6 kilométros de carreira a pé.

A competición arrincará ás 9:00 horas coa carreira en idade escolar, seguida ás 10:20 da categoría Open Maculina, ás 11:40 horas da Elite Feminina, ás 11:43 horas a Open Feminina e por último ás 13:00 horas a Elite Masculina.