Irene Trabazo e Samuel González, grandes dominadores do XV Ciclocrós Ría de Marín

Marín
08 de outubro 2017

A primeira proba puntuable da Copa Galicia da especialidade contou este domingo cunha alta participación no circuíto de Chan de Xaxán, con máis de 260 corredores inscritos

XV Ciclocrós Ría de Marín Diego Torrado

Profeta na súa terra foi Irene Trabazo na estrea da tempada para o ciclocrós galego, co XV Trofeo Ría de Marín celebrado este domingo no circuíto de Chan de Xaxán.

A ciclista marinense foi a gran dominadora da carreira feminina nunha xornada que contou cunha alta participación, con máis de 260 corredores entre as diferentes categorías.

Aínda que nunhas condicións pouco habituais para o ciclocrós, con calor e terreo completamente seco levantando bastante po ao paso das bicicletas, os afeccionados puideron gozar dunha competición que supón a primeira cita puntuable para a Copa Galicia da especialidade.

Trabazo non deu ningunha opción na carreira elite e sub-23 a Isabel Castro, vencedora a pasada campaña da clasificación xeral da copa autonómica. A representante do Marín-Ottoman abriu oco desde as primeiras pedaladas e con dous minutos de vantaxe presentouse na liña de meta. Castro finalizou segunda e a 8:41 chegou a sub-23 Sara Trigo.

Na competición masculina o gran dominador foi Samuel González, defensor do título, que se situou na primeira posición desde o bandeirazo inicial e xa non a abandonou. A emoción centrouse en ver quen se faría coa segunda praza, que sería tras unha notable remontada para o vixente campión nacional junior, Iván Feijóo, entrando a 34 segundos e superando a Adrián Valverde, que foi terceiro.

Completaron o palmarés do XV Trofeo Ría de Marín: Fabián Rodríguez (Cambre-Caeiro) e Noela Saa (Academia Postal-Actyon-Maceda) en cadetes, Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) e Jessica Costa (ASC) en juniors, Juan José Chapela (Master Morrazo) nos masters-30, Xacob Agra (Master dá Louriña) nos masters-40 e Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport) nos masters-50/60.

Consulta as clasificacións completas do XV Trofeo Ría de Marín de Ciclocrós.