Irene Vilaboa deixa de ser adestradora do Teucro

Pontevedra
10 de decembro 2025

A adestradora, que cumpría a súa sexta tempada no equipo pontevedrés, presentou a súa renuncia a seguir no cargo tras os últimos malos resultados

Irene Vilaboa, no partido de Primeira Nacional entre Teucro e Porriño

A etapa de Irene Vilaboa como adestradora da Sociedad Deportiva Teucro chega ao seu fin.

A adestradora, que cumpría a súa sexta tempada no cargo, presentou a súa renuncia á Xunta Xestora da entidade pontevedresa, tal e como confirmou o Teucro a última hora do martes.

"Comunicou á Comisión Xestora que, con efectos do día de hoxe, deixa o seu cargo no primeiro equipo da SD Teucro, así como tamén cesa o resto do seu corpo técnico, ao considerar que é o momento máis oportuno para tomar esta decisión", sinala o comunicado feito público polo vicedecano.

A dirección teucrista aceptou a dimisión agradecendo "os servizos prestados durante o tempo que estivo vinculada á nosa entidade, desexándolle éxitos nos seus futuros proxectos profesionais".

Irene Vilaboa chegou ao Teucro en xuño de 2020 converténdose na primeira muller que dirixía un equipo da División de Honra Prata Masculina, e seguiu no cargo pese ao descenso a Primeira Nacional na campaña 21-22.

Os azuis completaron tres tempadas en Primeira Nacional desde entón con continuidade no seu proxecto, e este curso aspiraban a dar un paso á fronte para pelexar polo ascenso de categoría.

Ese obxectivo converteuse en algo realmente complicado tras os últimos resultados, dúas derrotas consecutivas fronte ao pechacancelas da competición, o BM Cañiza, e o Balonmán Lalín.

Estes partidos deixaron os pontevedreses na quinta posición con 16 puntos, a 5 xa da segunda praza que ocupa o BM Lanzarote e a 10 puntos do líder, o Atlético Novás.