Jabato rexeita seguir no Cisne tras o ascenso á Liga Asobal

Pontevedra
02 de xuño 2022

O técnico comunicou este xoves ao club pontevedrés que non se ve capaz de compaxinar a esixencia de competir na máxima categoría coas súas obrigacións laborais e persoais, polo que rexeitou a oferta de renovación cisneísta

Jabato, no partido de División Honra Prata entre Cisne e Zamora no Pavillón Municipal Cristina Saiz

A etapa de Javier Fernández 'Jabato' como adestrador do primeiro equipo do Club Cisne Balonmán chegou ao seu fin, segundo confirmou a PontevedraViva o presidente da entidade, Santiago Picallo.

O técnico comunicou este xoves a súa decisión ao presidente, con quen fixara o venres de 3 xuño como prazo máximo para tomar unha decisión sobre o seu futuro.

A intención do Cisne era seguir confiando en Jabato, pero finalmente pesaron máis as obrigas laborais e persoais do adestrador, difíciles de compaxinar coa competición na máxima categoría do balonmán nacional.

O preparador pon fin desta forma a unha exitosa etapa no club pontevedrés, ao que chegou no verán de 2016 procedente do Academia Octavio vigués. Desde entón encabezou un proxecto que foi pasos á fronte ata consolidarse con dous ascensos á Liga Asobal.

Polo momento o Cisne non ten avanzada a negociación con ningún outro técnico, xa que Jabato era a súa primeira opción para dirixir ao equipo a próxima tempada.