Jake Wright, acento británico para o Froiz

Pontevedra
26 de outubro 2018

O xoven corredor, natural da localidade inglesa de Bury, é a primeira fichaxe confirmada polo equipo alimenticio para a próxima tempada, na que tentará manterse na cima do ranking nacional elite e sub-23

Jake Wright, novo corredor do Froiz Zappi Racing Team

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz amplía as súas fronteiras. A escuadra alimenticia fíxose cos servizos dunha das grandes promesas do ciclismo británico, Jake Wright.

O xoven corredor, de 19 anos e natural da localidade inglesa de Bury, convértese na primeira fichaxe confirmada polo equipo dirixido por Evaristo Portela para a próxima tempada, na que tentará manterse no alto do ranking nacional elite e sub-23.

Wright reforzará o Froiz na loita contra o crono, especialidade na que se proclamou en 2017 campión nacional e na que chegou a participar nos mundiais de Bergen do mesmo ano. Ademais segundo o seu novo equipo sente moi cómodo tamén en terreo montañoso.

Durante a pretempada o ciclista inglés permanecerá no seu país, e non será ata aproximadamente finais do mes de xaneiro cando viaxe a España para participar na presentación e concentración que o Froiz desenvolve tradicionalmente nesas datas.