O bo momento deportivo que vive Jéssica Bouzas tivo un novo capítulo este luns 22 de abril na súa estrea esta tempada no torneo do circuíto profesional de maior entidade dos que se celebran en España, o WTA 1.000 de Madrid.
A tenista arousá estreaba o seu novo ranking mundial (número 90), e facíao na fase previa do torneo madrileño medíndose por primeira vez á estadonidense Claire Liu, raqueta 115 da clasificación WTA.
Xa clasificada para Ronland Garros, Bouzas afrontaba a cita madrileña como unha gran oportunidade de seguir sumando puntos que lle permitan progresar no ranking e mesmo pelexar polo billete olímpico.
O deste luns foi un duro test para a de Vilagarcía, que tivo que empregarse a fondo en tres esixentes mangas e máis de dúas horas de partido.
Jéssica comezou dominando ao seu rival, á que rompeu o servizo no primeiro e terceiro xogo do duelo para asinar un 4-0 de entrada que lle permitía anotarse o primeiro set por un claro 6-2.
Liu respondeu no segundo parcial devolvendo a partida cun 2-6 que deixaba todo para o desempate.
Aí Bouzas aguantou a presión nos primeiros xogos ata que o sétimo conseguía un break, e aínda que a súa rival devolveullo terminou decantando a balanza ao seu favor por 6-4.
Con este triunfo Jéssica Bouzas está a un encontro de entrar no cadro principal do WTA 1.000 de Madrid, billete que xogará fronte a outra estadounidense, Sachia Vickery, número 129 do ranking.