Remontada de Jéssica Bouzas fronte a Paula Badosa para avanzar a segunda rolda do WTA 1.000 de Madrid

O Salnés
24 de abril 2024

A tenista arousá rompeu unha nova barreira superando este mércores no WTA 1.000 de Madrid a Paula Badosa, xogadora que fai non moito era a número 2 do Mundo pero que atravesa un momento complicado debido a problemas físicos

Jéssica Bouzas celebra o seu triunfo fronte a Paula Badosa na primeira rolda do WTA 1.000 de Madrid
Jéssica Bouzas celebra o seu triunfo fronte a Paula Badosa na primeira rolda do WTA 1.000 de Madrid / EFE / Sergio Pérez

Novo logro desbloqueado na meteórica carreira de Jéssica Bouzas.

A tenista arousá estreábase este mércores no seu primeiro cadro principal dun torneo de categoría WTA 1.000, tras superar a fase previa de Madrid, e o facía medíndose á que ata hai moi pouco era a gran referencia nacional, Paula Badosa.

A xogadora catalá, que en abril de 2022 ocupaba o segundo posto do ranking mundial, atravesa agora un momento complicado por culpa de problemas físicos, pero atesoura unha calidade indiscutible e supoñía toda unha proba esixente para Bouzas.

A recentemente estreada entre as 100 mellores do planeta arrincou ben o encontro sobre a terra batida da madrileña Caja Mágica, rompendo o servizo do seu rival e adiantándose 2-0, pero Badosa reaccionou para apuntarse a primeira manga por un tenteo de 2-6.

Jéssica foi aos poucos subindo o nivel e devolveu o golpe no segundo set cun 6-2 ao seu favor, completando a remontada no parcial decisivo cun 6-3 en 2 horas e 5 minutos.

Con este triunfo Jéssica Bouzas asegura seguir progresando posto na próxima actualización do ranking WTA, e cítase en segunda rolda do WTA 1.000 de Madrid cunha dura rival, a letona Jelena Ostapenko, actual número 10 do mundo e gañadora hai uns anos de Roland Garros.