Jéssica Bouzas, por primeira vez mellor raqueta española no ranking WTA

O Salnés
22 de xaneiro 2026
Actualizado: 13:13

A pesar de caer en primeira rolda no Open de Australia, a derrota de Paula Badosa faille retroceder un gran número de postos deixando á arousá como mellor tenista nacional

Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup RFET

Novo logro desbloqueado para Jéssica Bouzas, aínda que sexa de maneira indirecta.

A tenista arousá aparecerá con total seguridade na próxima actualización do ranking mundial da WTA como primeira raqueta española.

Será a primeira vez que isto pase na súa carreira, e prodúcese a pesar da súa derrota en primeira rolda do Open de Australia que lle fará ceder un par de postos na clasificación (virtulamente é o número 42 do ranking).

Isto pasa pola caída en Australia este xoves de Paula Badosa, número un española até a data, e que defendía no primeiro grand slam do ano as semifinais alcanzadas hai un ano.

Badosa perdeu o seu encontro de segunda rolda Oksana Selekhmeteva e verá restados 710 puntos no seu marcador. Esta situación farálle caer até o posto 64 das listas cando iniciara o torneo no 26.

Desta forma Jéssica Bouzas, a falta de que conclúa o Open de Australia e de resultados que poderían variar lixeiramente o ranking, figura de maneira virtual no posto 42 e Cristina Bucsa pasa a ser a segunda mellor española no posto 57.

Unha Bouzas que este xoves se despediu do todo do Aberto de Australia ao caer na primeira rolda do cadro de dobres formando coa italiana Elisabetta Cocciareto.

Ambas as dúas se viron superadas polas estadounidenses Hailey Baptiste e Peyton Stearns por un tenteo de 6-3 e 7-5.