Jesús Arozamena deixa o Froiz para dar o salto ao profesionalismo

Pontevedra
19 de decembro 2019

O equipo ciclista pontevedrés perde a un dos seus xefes de filas cando daba o plantel por pechado. Arozamena fichou polo conxunto profesional portugués do Vito-Feirense-BlackJack

Jesús Arozamena, na concentración de pretempada do Froiz 2019 PontevedraViva

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz perde a un dos seus teóricos xefes de filas para a próxima tempada.

Trátase de Jesús Arozamena, que causa baixa de maneira inesperada para dar o salto a profesionais, concretamente no equipo portugués do Vito-Feirense-BlackJack.

O ciclista, que ía afrontar a súa segunda campaña no conxunto pontevedrés tras un pouco afortunado primeiro ano especialmente no seu obxectivo de pelexar pola Copa de España, comunicou esta semana ao Froiz a súa decisión tras recibir a proposta do equipo profesional luso.

Ante esta situación a escuadra dirixida por Evaristo Portela, que dera o seu plantel por pechado, deberá reinventarse para tentar recuperar o primeiro posto na clasificación nacional da categoría elite e sub-23.