Jimmy e o seu calvario coas lesións

Pontevedra
06 de abril 2018

O lateral resentiuse das súas molestias no duelo de Copa Federación e as probas médicas revelaron que sofre unha microrrotura fibrilar, polo que será baixa no Pontevedra para os próximos encontros

Jimmy e Kevin Presa, nun adestramento do Pontevedra Mónica Patxot

Non está a ser a tempada soñada por Óscar Seoane, 'Jimmy', non só pola complicada situación que atravesa o Pontevedra na clasificación da Segunda División  B senón a nivel persoal polos problemas físicos que non deixan de acompañarlle.

O lateral granate recaeu da súa última doenza muscular e causará baixa durante os próximos compromisos do equipo, comezando coa xornada de liga do próximo domingo 8 de abril en Navalcarnero.

As probas ás que foi sometido o defensor revelan que sofre unha microrrotura muscular na mesma zona que xa lle mantivo apartado dos terreos de xogo nas últimas semanas.

Jimmy volveu ao equipo recentemente tras esta ausencia, pero no choque de Copa Federación en Ontinyent resentiuse "a la segunda carrera", explicou afectado tras o adestramento do equipo deste venres na Xunqueira.

O ano comezou mal para o lateral, que estivo afastado dos terreos de xogo durante un par de meses por unha rotura do menisco do seu xeonllo, e desde aí non conseguiu atopar a regularidade a pesar de ser un futbolista que contou con minutos no equipo cando as lesións respectáronlle.

O xogador compostelán espera poder recuperarse para poder achegar o seu gran de area nas últimas xornadas de liga para conseguir o obxectivo da salvación.

MARCOS ÁLVAREZ, DÚBIDA

Outro futbolista que non completou o adestramento deste venres foi Marcos Álvarez, no seu caso por unha sobrecarga muscular que lle fai ser dúbida para o duelo do domingo na comunidade madrileña. A Navalcarnero tampouco viaxará Nacho López, que segue recuperándose dunha lesión muscular, e o sancionado David Castro.