João Resende finaliza a súa cesión no Pontevedra e únese ao SC Farense

Pontevedra
20 de xuño 2026

O portugués, que fixo seis goles e tres asistencias co conxunto granate, xogará na segunda división portuguesa tras ser anunciado este venres como novo xogador do equipo de Faro

Joao Resende, no partido entre Pontevedra CF e Barakaldo CF en Pasarón

O avance do mercado de fichaxes trae consigo os primeiros movementos relacionados co plantel do Pontevedra Club de Fútbol, que conta na actualidade con cinco xogadores con contrato en vigor.

A realidade é que a continuidade dos xogadores cedidos no conxunto granate preséntase como un escenario realmente complicado. Até o momento, o único con destino fixado é o portugués João Resende.

E é que o Sporting Club Farense, equipo da segunda división portuguesa, anunciou este venres a incorporación do xogador ás súas filas de cara á tempada 26/27.

Este movemento despexa calquera mínima posibilidade de continuidade por parte do xogador luso en terras lerezanas. Resende, que aterrou en Pasarón como xogador cedido polo Estrela Amadora o verán pasado, deixa ás súas costas unha tempada máis que notable con seis goles e tres asistencias participando, maioritariamente, desde o banco.

Se algo chama a atención deste movemento é que o xogador non volverá ao seu club de orixe se non que firma por un SC Farense que a punto estivo de perder a categoría na segunda división portuguesa o pasado curso.

O seu bo facer no equipo da Boa Vila asentoulle como unha das principais armas de Rubén Domínguez á hora de axitar os partidos no banco e, por momentos, fíxose cun oco no once inicial. En total, João disputou 1674 minutos coa elástica granate.

En canto ao resto de cedidos están os deportivistas Luisao, Diego Gómez e Rubén López. Aínda se descoñece o seu futuro, pero o ascenso do Deportivo Fabril a Primeira Federación complica a posibilidade de estender a cesión de calquera deles no Pontevedra CF.

Doutra banda, o bo rendemento dos xogadores a préstamo na pasada tempada podería abrir as portas a repetir a fórmula neste mercado para incorporar novas cesións que reforcen o plantel do club granate.