José Luis Torrado 'O Bruxo', homenaxeado polo Comité Olímpico Mexicano

Pontevedra
10 de novembro 2017

O coñecido masaxista e recuperador pontevedrés, recibiu este xoves en santiago o reconociemiento do olimpismo mexicano polo seu labor nos Xogos de 1968, a primeira das cinco citas olímpicas ás que acudiu como preparador do equipo nacional español de atletismo e na que comezou a labrar a súa lenda axudando a deportistas doutras nacionalidades

Homenaxe do Comité Olímpico Mexicano a José Luis Torrado
Homenaxe do Comité Olímpico Mexicano a José Luis Torrado / Consejo Superior de Deportes

A historia do olimpismo garda un pequeno espazo para a lenda dun masaxista e recuperador pontevedrés, José Luis Torrado 'O Bruxo'.

Así o soubo recoñecer este xoves, nun acto celebrado en Santiago de Compostela, o Comité Olímpico Mexicano, que quixo homeaxear O Bruxo entregándolle unha medalla e un diploma polo seu labor nos Xogos de 1968, a primeira cita olímpica das cinco ás que acudiu como preparador do equipo nacional español de atletismo.

Torrado empezou a forxar a súa historia no deporte nacional e internacional en México, onde non se negou a atender a todo deportista doutro país que llo solicitaba. Así, por exemplo, conseguiu que o triplista italiano Gentile superase unha lesión na fase de clasificación para facerse cunha medalla, ou axudou a que o norteamericano Bob Seagren gañase a medalla de ouro no salto con pértega.

Esa xenerosidade, unha constante en toda a súa carreira e que se trasladou á súa clínica pontevedresa por onde pasaron grandes nomes do deporte durante anos, valeulle agora, case 50 anos despois, unha cariñosa homenaxe.

Foi Olegario Vázquez, membro do Comité Olímpico Internacional, o que coñeceu a historia de José Luis Torrado e propuxo recoñecer o seu labor.

Ao acto acudiron ademais o presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, e a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez.