Tensión, emoción e un gran ambiente de fútbol. Así se viviron os partidos decisivos polo ascenso a Terceira RFEF, nos que o Juventud Cambados e o Céltiga lograron certificar o seu salto de categoría.
No caso do Cambados, fixérono despois dun vibrante encontro a domicilio contra o Beluso e cun campo repleto de afeccionados que se decidiu nos lanzamentos desde o punto de penalti.
Tras o 1-1 da ida en Burgáns, todo podía pasar nas Laxes.
Adiantouse o Beluso e soñou co ascenso, pero o Cambados igualou para forzar unha prórroga na que o marcador xa non se movería.
Xa na quenda decisiva, a pesar dun fallo inicial do conxunto amarelo, finalmente a gran actuación do Roberto Pazos na portaría cambadesa e o gol final do seu capitán Fran desataron a tolemia entre os seus afeccionados, tal e como captaron as cámaras da Televisión de Galicia.
Tamén festexou o ascenso, non sen sufrir, o Céltiga.
Todo iso pese ao 0-2 que lograra na ida no campo do Atios.
Nun Salvador Otero engalanado para a ocasión, os da Illa empezaron perdendo 0-2, vendo como o seu rival empataba a eliminatoria, pero sobrepuxéronse ao shock con dous tantos na segunda metade que resultaron decisivos e que provocaron o delirio da afección arousá.