Lara Balseiro, terceira fichaxe do Marín Futsal con 'ADN Burela'

Marín
15 de xullo 2022

Do mesmo xeito que as anteriores incorporacións, de Ale de Paz e Bea Mateos, o Marín Futsal 'pescou' ao seu terceiro reforzo no Burela campión das últimas tempadas. "É outra fichaxe para facer crecer a calidade e a experiencia do equipo", asegura a entidade da Raña

Lara Balseiro, levantando o título de liga 20/21 co Burela RFEF

O segundo proxecto do Marín Futsal na Primeira División vai en serio, e ás renovacións de futbolistas importantes a última tempada séguense sumando reforzos contrastados.

Coa terceira desas incorporacións, do mesmo xeito que as anteriores de Ale de Paz e Bea Mateos, a entidade da Raña foi a 'pescar' ao caladoiro do Burela Pescados Rubén, campión de todo as últimas tempadas e actual subcampión de liga.

Trátase de Lara Balseiro, que tal e como explica o club marinense é "outra fichaxe para facer crecer a calidade e a experiencia do equipo e apontoar este proxecto tan ilusionante".

Desta forma o proxecto que dirixirá Ramiro Díaz desde o banco do Marín Futsal empeza a estar cada vez máis definidio, ao contar xa con 11 pezas confirmadas.

Esas xogadoras son as fichadas Ale de Paz, Lara Balseiro e Bea Mateos e as renovadas Cecilia Puga, Marta Gago, Inés Mayán, Café, Silvia Aguete, Pau García, María León e Adriana García.