Lorena Patiño triunfa na Copa de España cunha nova vitoria

Marín
30 de xuño 2025
Actualizado: 17:56

A ciclista de Marín impúxose en Cervera del Maestre con catro minutos de vantaxe sobre a segunda clasificada

Lorena Patiño logrou a vitoria nas dúas probas en que participou Federación Galega de Ciclismo

A marinense Lorena Patiño confirmou este domingo o seu potencial na Copa de España XCO Cofidis na categoría júnior tras impoñerse no Gran Premio Ciudad del Ciclismo de Cervera del Maestre (Castellón), última proba puntuable da tempada.

A corredora do Decathlon Misser Project, que defendeu as cores da Selección Galega Júnior, asinou un pleno de vitorias nas dúas probas nas que participou ao longo deste ano na Copa de España.

Esta fin de semana, nun circuíto marcado polas altas temperaturas, Patiño demostrou a súa clase desde o inicio da competición, marchando en solitario xa na primeira volta longa e establecendo diferenzas insalvables para as súas rivais.

A vixente campioa estatal cruzou a liña de meta cun tempo de 59 minutos e 32 segundos, aventaxando en máis de catro minutos á segunda clasificada, Foix Miquel (Unica Relber). O podio completouno Adriana Rodríguez (Occidental Torremolinos).

A actuación galega na categoría júnior feminina completárona Elba Hermida e Fátima González, que finalizaron en 16ª e 18ª posición, respectivamente, formando parte do combinado dirixido por Alberto del Río.

Na proba júnior masculina, o mellor resultado para a Selección de Breogán foi o sétimo posto acadado por Mauro Vega. O ciclista de Nigrán completou a carreira a 4 minutos e 36 segundos do vencedor, Guillermo Parrado (Qalatbike), tras rodar durante a primeira volta longa xunto ao seu compañeiro de selección Marcos Rodríguez, que finalmente concluíu 16º.

Tamén completaron o percorrido castellonense os galegos Nicolás Fernández e Martín Rodríguez, que remataron en 20ª e 25ª posición, respectivamente. Pola súa banda, Samuel Gascón tivo que abandonar e Santiago Rodrigo Otero non puido tomar a saída.

Esta competición serviu como ensaio de cara ao Campionato de España que se celebrará do 18 ao 20 de xullo en Baza (Granada), onde se agardan condicións climáticas similares ás vividas este domingo en Cervera del Maestre.