Luisito pide máis á segunda liña: "Aquí ten que marcar goles máis xente, non só Rufo e Charles"

Pontevedra
30 de abril 2021

O preparador defende que a falta de efectividade do Pontevedra non é só cuestión dos dianteiros. É moi fácil escudarse detrás de Rufo e de Charles, pero aquí hai futbolistas con moita responsabilidade e moito nome que tamén teñen que demostrar que teñen gol", asegura

Luisito, na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Como pode ser que o Pontevedra Club de Fútbol se atope nos seus peores números ofensivos en 16 tempadas cando ten nas súas filas a unha dupla atacante envexada en toda a categoría? Pois para Luisito "moitas veces non ten explicación", e é que "levamos moi poucos goles, sobre todo para a cantidade de oportunidades que xeramos", recoñece o técnico granate.

Conseguir 22 goles en 22 xornadas é un pobre rendemento, "pero isto é fútbol", afirma Luisito, e no balompé dous máis dous non sempre é igual a catro.

De todos os xeitos o que ten claro o adestrador do equipo pontevedrés é que "aquí ten que marcar goles máis xente, non só Rufo e Charles", dianteiros cos que por outra banda se mostra "contento" de poder contar con eles. "Velos adestrar e quitas o sombreiro, ver como adestran e o compromiso que teñen. Por eso me doe, pero non poder ser só eles, porque a responsabilidade do Pontevedra non só é de Rufo e de Charles, hai máis xogadores por fóra e xogadores de segunda liña que teñen que marcar goles", defende.

"É moi fácil escudarse detrás de Rufo e de Charles, pero aquí hai futbolistas con moita responsabilidade e moito nome que tamén teñen que demostrar que teñen gol", afirma o técnico de Teo pedindo unha maior achega deses xogadores.

Mirando os números, os dous dianteiros acumulan cinco dianas cada un, e por detrás só Álex González, Damià e Imanol viron porta en máis dunha ocasión, con dous goles.

"Oier xogou moitos partidos e tiña que levar máis goles, Jorge xogou partidos e tiña que levar máis goles, Óscar igual, Álex González igual. Está Damià, Adrián Cruz, as xogadas a balón parado... temos que rematar máis, non é só que dous futbolistas marquen goles. Aquí atacamos todos e defendemos todos", sentenciou Luisito a preguntas dos xornalistas. Por aí pasa unha das claves para non sufrir máis sobresaltos nas catro xornadas que restan e poder evitar sen abafos o descenso á Terceira RFEF.