Luismi, renovado como adestrador do Pontevedra

Pontevedra
31 de maio 2018

O Pontevedra Club de Fútbol confirmou este xoves a renovación de Luís Miguel Areda 'Luismi' como adestrador do primeiro equipo para a próxima tempada. Jesús Ramos e Miguel Arcos manteranse tamén no corpo técnico

Luismi, no partido entre Pontevedra e Unión Adarve en Pasarón Diego Torrado

A próxima tempada Luís Miguel Areda 'Luismi' seguirá sendo adestrador do primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol.

Despois de 18 días de calma e ferrollo informativo, sen apenas novidades no que respecta ao novo proxecto deportivo, o club granate confirmou este xoves oficialmente a renovación do técnico.

Luismi gañou a oportunidade de afrontar a súa primeira campaña completa na Segunda División B, despois de subir ao primeiro equipo desde o xuvenil mediada a tempada, tras lograr a permanencia na última xornada de liga, ademais do título de campión de Copa Federación.

Este é o primeiro e ineludible paso no novo proxecto deportivo. O seguinte serán as renovacións dos futbolistas que interesa que continúen en nómina, para o que se contará coa opinión do adestrador.

Xunto a Luismi, seguirán tamén no corpo técnico Jesús Ramos e Miguel Arcos, como segundo adestrador e preparador físico respectivamente. De feito, para descargar traballo ao segundo preparador, que esta campaña era un dos responsables das categorías inferiores, a intención é incorporar ao club un novo coordinador para a base.