Lupe Murillo insiste en que o Pontevedra "ofreceu a renovación a Yago" pero el "trasladou que era o fin dunha etapa"

Pontevedra
03 de xuño 2025
Actualizado: 06 de xuño

A presidenta do club granate aproveitou a presentación do seu novo adestrador, Rubén Domínguez, para valorar a saída de Yago Iglesias asegurando que "non entendo as mentiras interesadas"

Lupe Murillo, na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

A saída de Yago Iglesias do Pontevedra Club de Fútbol seguiu coleando esrte martes no Estadio Municipal de Pasarón na presentación do novo técnico granate, Ruben Domínguez.

Era a primeira comparecencia pública da presidenta do club granate, Lupe Murillo, acompañada de Charles Dias e tamén de Jacobo Maestre, e a dirixente aproveitou a ocasión para trasladar o seu punto de visto sobre todo sucedido tras o final da tempada.

"O Pontevedra Club de Fútbol ofreceulle a renovación a Yago Iglesias, se el estaba dispoñible", insistiu Murillo aludindo ao comunicado publicado no seu momento pola entidade, unha proposta á que segundo a presidenta Yago Iglesias respondeu que "si, pero dáme tempo".

"Déuselle tempo, e á semana seguinte volvéuselle a dar máis tempo e ao final chegou a noticia de que se pechaba unha etapa", engadiu.

"Non somos dubidosos de apostar por Yago Iglesias, nas boas e nas malas", defendeu ante os medios de comunicación lembrando que se lle renovou "a pesar de non ter ascendido o ano anterior".

Por iso, queixouse Lupe Murillo, "o que eu non entendo son as mentiras interesadas".

"Yago trasladou que era a fin dunha etapa. Ascendeu e entendeu que a súa etapa aquí tiña concluído. A partir de aí que cada un saque as súas conclusións", sinalou visiblemente molesta.

En canto ao resto de planificación do plantel, a máxima mandataria do Pontevedra avanzou que "a partir de hoxe que nos sentamos co adestrador empezaremos a tomar decisións no plantel", xa que "o primeiro era buscar o líder", afirmou en referencia a Rubén Domínguez, e ademais moitos futbolistas "pediron tempo para pensar". Mesmo, sinalou, "hai xogadores nosos que se están ofrecendo a outros equipos galegos, iso é unha realidade".

Preguntada tamén polo orzamento para a próxima tempada tras o ascenso a Primeira RFEF, Lupe Murillo avanzou que "estamos a tentar buscar patrocinadores" para incrementar os ingresos, pero afirmando que "non é un problema o económico este ano a planificación do plantel".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora