A loitadora pontevedresa Lydia Pérez pelexará este mércores pola medalla de bronce dos Xogos do Mediterráneo na modalidade de Loita Libre Feminina (-62 kg).
A deportista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva iniciou o pasado luns a súa andaina neste campionato internacional cunha axustada derrota fronte á francesa Améline Douarre tras un combate nas que ambas as loitadoras anotáronse tres puntos técnicos, pero, conforme ás nomas do deporte, a vitoria caeu ao lado da gala, que anotou o último punto.
Á xornada seguinte, que tivo lugar este martes pola mañá, Pérez logrou resarcirse con dous contundentes triunfos que lle deron a segunda praza do grupo e o pase a semifinais. A lerezana derrotou á serbia Ana Fabian cun tocado que lle deu a vitoria automática e cinco puntos na xeral. Logo logrou impoñerse por puntos á turca Asli Tugcu.
Este mesmo martes, no horario de tarde, mediuse en semifinais á tunisiana Marwa Amri. Con todo, a loitadora norteafricana demostrou unha evidente superioridade sobre a española, que foi incapaz de sumar ningún punto fronte aos once conseguidos pola súa rival.
Con todo, o concurso de Lydia Pérez nestes xogos non está aínda rematado. Este mércores, a partir das 20 horas, loitará contra a alxerina Mastoura Soudani pola medalla de bronce. A loitadora do país anfitrión caeu na outra semifinal contra a francesa Douarre, que xa derrotara a Lydia no seu debut.