Serio contratempo para o Poio Pescamar, que non poderá contar cunha das súas futbolistas, Jessi Lores, durante o tramo final da tempada, no que se xogará cumprir o obxectivo de finalizar a liga entre os oito primeiros para xogar así a Copa de España por primeira vez na súa historia.
Despois de caer lesionada o pasado 4 de febreiro no partido de liga ante o Txantrea, a futbolista vermella someteuse ás pertinentes probas médicas para concer o alcance exacto da lesión.
Finalmente, dúas semanas despois, a renonancia magnética revelou que sofre unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo, polo que estará entre seis e oito meses de baixa.
Segundo confirmou o club, Jessi Lores será intervida cirurxicamente o vindeiro xoves 2 de marzo, momento no que se iniciará un proceso de recuperación que ten unha meta xa definida, chegar en boas condicións ao comezo da próxima campaña.
En canto ao equipo, o Poio Pescamar prepara xa o choque do próximo 4 de marzo en Móstoles, co que volverá á competición tras unha semana de parón na Primeira División feminina de fútbol sala.