Malestar no Arosa polo achegamento do Pontevedra a Javi Pazos

Pontevedra
31 de xaneiro 2018

O club granate tenteou a posibilidade de incorporar ao actual pichichi da Terceira División galega, pero ante a negativa dos de Vilagarcía e o malestar por falar directamente co xogador decidiu descartar a operación

Javi Pazos, nun partido co Arosa na Lomba Diego Torrado

O Pontevedra Club de Fútbol tenteou nas últimas horas a posibilidade de fichar ao actual pichichi da Terceira División Galega, o marinense Javi Pazos, como reforzo final para afrontar a segunda volta da competición ligueira.

O club granate púxose en contacto co dianteiro para coñecer a súa disposición para volver a defender a elástica granate e posteriormente chamou á entidade arlequinada.

Con todo no club presidido por Manuel Abalo pecháronse en banda a perder á súa máxima referencia ofensiva a poucas horas de que pechase o mercado. Ademais a situación provocou o malestar arosista por falar directamente o Pontevedra co futbolista.

A dirección deportiva granate, que na súa conversación co Arosa plantexou a opción de ceder a algún xogador, chegou a explicar a súa proposta a Javi Pazos a expensas de que negociase amigablemente a súa saída, pero vista a complexidade da situación decidiu retirar a oferta polo canteirán coa intención de manter as boas relacións entre os clubs.

O dianteiro marinense, que chegou a debutar no primeiro equipo do Pontevedra en Terceira División con Milo Abelleira no banco, acumula esta tempada en Vilagarcía 17 goles nos 23 partidos que disputou ata a data.