Manuel Hurtado e Leticia Fernández, triunfadores nun espectacular Medio Maratón de Pontevedra

Pontevedra
18 de outubro 2015

Nin sequera a choiva puido deslucir o fabuloso espectáculo deportivo que brindou, na mañá deste domingo, a vixésima edición do Medio Maratón Cidade de Pontevedra. Foi unha carreira de récord, na que case 1.500 atletas deron o mellor de si polas rúas máis céntricas da cidade

Participantes no XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra Diego Torrado

Nin sequera a choiva puido deslucir o fabuloso espectáculo deportivo que brindou, na mañá deste domingo, a vixésima edición do Medio Maratón Cidade de Pontevedra. Foi unha carreira de récord, na que case 1.500 atletas deron o mellor de si polas rúas máis céntricas da cidade. E como en toda competición houbo gañadores, neste caso, Manuel Hurtado en categoría masculina e Leticia Fernández na feminina.

O atleta lucense, que finalizara en segunda posición en 2014, foi o máis rápido en completar as dúas voltas ao circuíto de dez quilómetros, con saída na Ponte dos Tirantes e chegada na rúa Fernando Olmedo, no exterior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Completou a proba cun tempo de 1:08:01, tres segundos menos que o marroquí Hassan Lekhili, que finalizou en segunda posición. Ambos protagonizaron un emocionante final. Chegaron igualados aos últimos metros e tan só un espectacular sprint de Hurtado decantou a balanza cara o lado do atleta galego.

O podio da proba masculina completouse co vigués Gustavo Nieves, que parou o crono en 1:08:49. Cuarto foi o corredor da Sociedad Gimnástica Iván Docampo, que foi ademais o primeiro clasificado dos participantes do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), en cuxo programa o Medio Maratón era a última proba do ano.

Pola súa banda, a tudense Leticia Fernández revalidou o triunfo que logrou o pasado ano. Fíxoo de forma clara e sen apenas oposición. Cruzou a liña de meta en 1:20:15. A súa carreira foi case un minuto máis rápida que a segunda clasificada, a campioa de España de Maratón María Jesús Gestido, que marcou un tempo de 1:21:11. A terceira posición foi para María Soledad Castro, que finalizou a proba en 1:24:34.

Leticia Fernández foi tamén a primeira clasificada entre as participantes do CCCP.

Os resultados completos pódense consultar nesta ligazón.

O Medio Maratón de Pontevedra volveu demostrar que é un dos eventos deportivos de maior éxito da cidade. Centos de persoas saíron á rúa para gozar desta proba que, como vén sendo habitual, tamén tivo un marcado carácter solidario ao organizarse unha recollida de alimentos en beneficio do Comedor Social de San Francisco.