O Squash Pontevedra sumou un importante resultado na Copa de España Absoluta celebrada a pasada fin de semana en León.
Foi grazas ao seu principal representante, a viguesa Marta Domínguez, que conseguiu facerse co subcampionato.
Marta avanzou con solidez nas dúas primeiras roldas do torneo nacional e plantouse nas semifinais, onde esperaba a catalá Sofía Mateos. A pesar de ser unha rival de entidade, o resultado foi dun claro 3-0.
Na final esperaba a murciana Cristina Gómez, principal cabeza de serie e número 68 do ranking internacional. Foi un partido moi disputado que terminou caendo ao lado de Gómez cun tenteo de 3 sets a 1.
Tras esta cita Marta Domínguez mira agora cara ao Campionato de España Absoluto, no que defende título.