Medina evita a sanción...de momento

Pontevedra
26 de decembro 2016

Tras recibir o informe arbitral, o Comité de Competición segue sen sancionar ao pivote do Teucro pola súa descualificación na última xogada do partido ante o Barcelona B, aínda que no club pontevedrés seguen o caso con cautela. De non recibir castigo, Medina podería xogar o primeiro partido do ano, un duelo vital para o seu equipo ante outro aspirante ao ascenso directo, o Zamora

Johnny Medina, no amigable entre Teucro e Avanca Diego Torrado

A Sociedad Deportiva Teucro poderá contar, salvo sorpresa, cun dos sustentos da súa liña defensiva, Johnny Medina, no importante primeiro partido de liga do ano.

Os azuis, que aínda apuran esta semana as súas vacacións de Nadal, recibirán o día 14 de xaneiro no Pavillón Municipal dos Deportes a outro dos aspirantes ao ascenso directo, o Zamora, polo que o seu concurso é importante para Quique Domínguez.

O pivote brasileiro estaba exposto a unha posible sanción tras a descualificación que sufriu na última xogada do partido ante o Barcelona B, o pasado 7 de decembro, cando a parella arbitral ensinoulle na pista un cartón vermello pero reflectiu no acta que se trataba dunha de cor azul, que carrexaría suspensión, segundo explicou no seu momento o Teucro.

Agora, tras recibir o informe arbitral complementario solicitado, o Comité de Competición segue sen establecer unha sanción e obviou o asunto na súa última reunión, polo que desde o club entenden que se lles dá a razón neste caso.

A pesar diso a seguridade non é plena e o Teucro deberá esperar ata a mesma semana do partido para saber se poderá contar co seu xogador.