O Medio Maratón de Pontevedra, rozando unha inscrición de récord

Pontevedra
02 de outubro 2025

Ao peche do segundo prazo de inscricións eran xa máis de 1.500 os atletas confirmados para o evento deportivo que se celebrará o vindeiro domingo 19 de outubro

XXIX Medio Maratón de Pontevedra

A falta de dúas semanas aínda para a súa celebración, o Medio Maratón de Pontevedra vai camiño un ano máis de ser un éxito a nivel de participación.

De feito, tras pechar o seu segundo prazo de inscrición son xa máis de 1.500 os atletas confirmados para o gran evento deportivo que se celebrará o vindeiro domingo 19 de outubro.

"Son rexistros que están a rozar bater o récord de participación", aseguran desde a organización que comanda a Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

En concreto anotáronse xa máis de 1.000 corredores no propio medio maratón (21,1 quilómetros), case medio milleiro na proba de 10 quilómetros e 50 máis nas carreiras de menores de idade.

Estas cifras poden aínda crecer pero achéganse ao límite de participación, con 1.200 prazas para o medio maratón, 600 nos 10 quilómetros e 300 nas probas destinadas á canteira.

As inscricións permanecen aínda abertas pero o seu custo co inicio do mes de outubro subiu a 30 euros no que respecta á proba longa e 15 euros na curta.

Antes do evento, a Gimnástica organizará tamén a tradicional quedada de recoñecemento do circuíto. Será o venres 17 de outubro ás 20.30 horas con punto de encontro na entrada do CGTD e de acceso libre para todos os corredores.

No que respecta ao percorrido, homolgado pola Real Federación Española de Atletismo, contará un ano máis con saída na ponte dos Tirantes e meta na pista de atletismo do Centro de Tecnificación.