Miguel Román, sancionado; Churre, Seoane e Brais, ao bordo da suspensión

Pontevedra
01 de marzo 2022

Ángel Rodríguez ten a tres dos seus futbolistas máis utilizados apercibidos de sanción a só catro xornadas de recibir en Pasarón ao líder Unión Adarve

Partido de liga entre Pontevedra e Marino Luanco en Pasarón Cristina Saiz

O Pontevedra entra nunha fase decisiva da competición, cos seus principais rivais polo ascenso, Unión Adarve e Navalcarnero, no horizonte e faino con varias das súas principais pezas apercibidas de sanción.

O primeiro en caer foi Yelko Pino, que viu a súa quinta amarela en Santiago e tivo que perderse por sanción o partido en Pasarón contra o Móstoles. O prexudicado agora é o seu compañeiro na sala de máquinas granate: Miguel Román. O prometedor mediocentro foi amoestado por quinta vez na tempada no último encontro contra o Marino e terá que perderse o partido do próximo domingo contra o Llanera.

Pero a situación de risco afecta a máis xogadores. Os defensas Churre e Diego Seoane suman tamén catro amoestacións, mesma situación na que se atopa Brais Abelenda. Trátase dunha situación común a estas alturas de tempada, pero dada a proximidade de duelos transcendentais e a importancia destes xogadores nos plans de Ángel Rodríguez, toma un cariz máis preocupante.

O lateral e o dianteiro viron a súa cuarta tarxeta amarela da campaña no último partido, mentres que Churre xa tiña que ter cumprido ciclo hai semanas. Foi amoestado por quinta vez na xornada 14 contra o Langreo, pero nese mesmo partido acabou sendo expulsado por dobre amarela, polo que continúa apercibido de sanción.

Llanera, Gimnástica Segoviana e Coruxo son os duelos que terá que afrontar o Pontevedra antes da cita en Pasarón contra o Unión Adarve e a posterior visita ao Navalcarnero. É por iso que os tres xogadores extremar as precaucións para non perderse ningún destes dous partidos nos que o cadro granate xogarase boa parte das súas opcións de ascenso directo a Primeira RFEF.

E non só estes tres xogadores están preto de cumprir ciclo de amoestacións, con tres tarxetas amarelas atópanse Álex González, Charles, Romay e Oier Calvillo, que tamén deberán medir as súas accións en defensa e as súas protestas cara aos áritros para non poñerse en perigo.