Nova data para a BTTroita, que terá continuidade cunha cuarta edición

Ponte Caldelas
01 de marzo 2017

A proba, que habitualmente se disputaba a mediados do mes de maio, celebrarase nesta ocasión o día 4 de xuño, segundo o acordado coa organización tras manter unha reunión co alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz

III Ruta BTTroita de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas apostará por cuarto ano consecutivo polo ciclismo de montaña coa IV Ruta BTTroita, ruta popular enmarcada dentro dos actos da Festa da Troita.

A principal novidade nesta ocasión será a súa data, que se atrasa dos días habituais a mediados do mes de maio e pasa a celebrarse o domingo 4 de xuño, segundo o acordado pola empresa organizadora, Global DxT, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, na primeira das reunións preparatorias do evento.

A BTTroita espera reunir a preto de medio milleiro de deportistas afeccionados para gozar dunha ruta que contará con dúas opcións de percorrido, de 32 e 40 quilómetros por carreiros e pistas situadas nos montes do municipio.

A Alameda de Ponte Caldelas será de novo o punto central da proba. Alí estará situada a liña de saída, a meta e o resto de servizos que a organización ofrece aos participantes.

As inscricións non abrirán ata o día 4 de abril a través da web www.globaldxt.com, no Hotel Avenida de Pontevedra e no Concello de Ponte Caldelas.