O Pontevedra Rugby Club segue no seu proceso de adaptación á categoría. As xogadoras regresaron este domingo á competición despois de dúas semanas de confinamento por un episodio de covid-19 nas súas filas. Fíxoo no campo ourensán de As Lagoas porque o de Monte Porreiro segue á espera da homologación oficial, fronte ao Hortaleza contra o que consumou a súa terceira derrota, pero cada vez con resultados máis axustados.
O cadro pontevedrés caeu por 12-36 nun duelo no que as madrileñas foron dominadoras do primeiro tempo, mentres que as locais lograron reaccionar no segundo conseguindo reducir as diferenzas no marcador e o xogo, aínda que sen opcións de facerse co triunfo.
O PRC volverá disputar este domingo un novo partido da División de Honra B coa disputa da xornada aprazada como consecuencia do positivo dunha xogadora rival que obrigou ao persoal para facer corentena. O rival será o San Cugat catalán, que marcha en primeira posición e é o segundo club máis anotador da competición. Un difícil exame para as debutantes na categoría, que seguen acumulando experiencia e buscando a súa primeira vitoria.