O Arosa activa a venda de entradas para o partido de Copa do Rei fronte ao Granada

O Salnés
19 de outubro 2023

O Estadio da Lomba recibiu o OK da Federación Española para poder acoller o partido de primeira rolda da Copa do Rei, encontro do que falta aínda coñecer o seu horario definitivo pero que se xogará o 31 de outubro, 1 ou 2 de novembro

Inspección do Estadio da Lomba para a primeira rolda da Copa do Rei Arosa SC

Treinta anos sen participar na Copa do Rei son moitos anos, por iso no Arosa vívese con emoción o partido que lle medirá a un equipo de Primeira División como o Granada na primeira rolda do Torneo do K.O.

A falta aínda de coñecer o horario definitivo do encontro, este disputarase o 31 de outubro, 1 ou 2 de novembro, polo que o tempo corre e no club arlequinado puxeron xa a funcionar toda a maquinaria para vivir unha serán especial na Lomba.

Por unha banda, o estadio recibiu o OK da Real Federación Española de Fútbol para acoller o encontro, tras unha inspección levada a cabo este mércores.

Por outro, o Arosa confirmou a activación da venda de entradas para o encontro, empezando por un período exclusivo para socios da entidade.

Así, desde este venres 20 de outubro e ata o día 26 os abonados do Arosa poderán retirar o seu suplemento e tamén dúas localidades máis a maiores. Por partes, o sumplemento de socios fixouse en 15 euros para a bancada de Tribuna e 10 euros para Preferencia. mentres que os socios sub-12 ou de categoría especial así como os menores de 6 anos terán acceso de balde pero sendo necesario retirar entrada.

En canto ao prezo para o público xeral, cuxa venda comezará o 26 de outubro, o prezo dos tickets fixouse en 30 euros en Tribuna, 20 euros en Preferencia e 15 euros nos fondos.

O horario de venda será de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres e de 11.00 a 13.00 horas os sábados.