O Barcelona B non dá opción ao Peixe Galego (67-79)

Marín
30 de outubro 2016

Un mal primeiro cuarto lastrou ao cadro marinense, que foi sempre a remolque e non chegou a inquietar ao filial azulgrana. Terceira derrota consecutiva para os de Javi Llorente en liga

Múgica, nun partido do Peixe Galego Cristina Saiz

Un mal inicio de partido lastrou as opcións do Peixe Galego na visita ao pavillón da Raña do Barcelona B (67-79).

O filial azulgrana arroiou aos marinenses no primeiro cuarto (14-27), e despois controlou con acerto a súa vantaxe ante un cadro marinense que só foi mellor no último parcial, cando xa era tarde, e que suma a súa terceira derrota consecutiva na Liga LEB Ouro.

O dominio na zona dun veterano como Jordi Trias (12 puntos e 14 rebotes) e o acerto anotador de Aleix Font, complicaron desde o inicio dos de Javi Llorente, que tras o primeiro parcial igualaron o xogo pero que non conseguían recortar distancias.

Ao descanso chegouse cun claro 33-49, e a renda visitante ampliouse lixeiramente no terceiro cuarto (49-67) antes da melloría Peixe no último parcial para maquillar o resultado.

O esforzo e acerto anotador de Jason Cain (20 puntos) e Derksen (17) non foi esta vez suficiente ante o mal día do resto dos seus compañeiros, que non chegaron en ningún caso máiss á decena de puntos.

Con este resultado o Marín Peixe Galego cae á décimo cuarta praza da clasificación cun balance de dous triunfos e catro derrotas.

Consulta aquí as estatísticas do partido.