Os afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol gozaron este domingo 14 de febreiro, por fin, dunha vitoria do seu equipo poñendo fin á unha mala serie que se prolonagaba demasiado. Pero a festa non foi completa por un pequeno detalle que fixo saltar as alarmas, o cambio de Rufo nos últimos minutos do partido.
O dianteiro madrileño foi un dos máis destacados do seu equipo sobre o céspede do Helmántico, con dous goles, un disparo ao traveseiro e un intenso traballo de loita que desesperou á zaga local, especialmente co seu xogo de costas a portería.
Con todo, co duelo encarrilado e un 1-3 no marcador, o 9 do Pontevedra pediu o cambio tras sentir molestias no ombreiro danado recentemente nun mal movemento.
Por ese motivo Luisito decidiu retiralo do terreo de xogo no minuto 83, dando entrada a Óscar Fernández.
Tratouse dun cambio "por precaución", sinalan este luns desde o club granate, confirmando que o 'killer' Rufo "está ben" e a súa participación na próxima xornada de liga fronte ao Compostela non está en perigo. Unha boa noticia para empezar a semana.