Tras unhas semanas de análise e de facer números, o Cisne avanza xa con paso firme na planificación da próxima tempada, na que competirá na División de Honra Prata de balonmán.
O primeiro foi atar a continuidade de Edín Covelo no banco, algo que se logrou tras un período inicial de dúbidas.
Era a peza básica, a do máximo responsable deportivo do ascenso, pero ademais a entidade presidida por Santi Picallo asegurouse a renovación de Toño Lafuente na portaría cineísta, que achegará experiencia na nova categoría.
Tras eses movementos o club traballa na renovación de boa parte do equipo que logrou o ascenso, a excepción de Rafa Dasilva, Andrés Sánchez e Carlos Rodríguez, que por diversos motivos confirmaron a final de tempada a súa marcha.
A retirada de Dasilva obrigaba o equipo pontevedrés a buscar un reforzo de garantías para a primeira liña, e encontrouno moi preto, en Chapela.
Dende alí retorna ao Cisne o lateral esquerdo Fabián González, que tras un ano en Redondela e tres en Chapela ás ordes de Fran Teixeira, un deles en División de Honra Prata, regresa á que foi a súa casa durante 11 tempadas.