Aínda que non tan madrugador como estaba planificado nun momento, xa que pensaba empezar a adestrar o luns, 26, o primeiro plantel do Club Cisne volveu ao traballo para preparar a segunda volta da competición na División de Honra Prata.
O equipo adestrado por Jabato, ausente durante os primeiros días de adestramentos, afrontará unha pequena pretempada co obxectivo de chegar en óptimas condicións ao encontro do día 14 de xaneiro en Xixón.
Será unha ilusionante segunda volta de liga para un equipo que quere seguir pelexando por un dos postos que dan dereito a xogar a fase de ascenso á Liga Asobal, xa que a pesar de non ser o obxectivo do club atópanse actualmente a só un punto de distancia.
Para afrontar o reto Jabato recuperará para a causa a Andrés Sánchez, que conclúe en xaneiro a súa estancia de estudos no estranxeiro.
Ademais dos adestramentos, o Cisne xogará o día 7 de xaneiro un encontro amigable, o tradicional Memorial Luaces que se disputará no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (20:15 horas) ante o Atlético Novás.