O Ciudad de Pontevedra, profeta na súa terra na Copa de España de piragüismo maratón

Pontevedra
09 de abril 2017

O club local levou o triunfo por equipos no II Open Cidade de Pontevedra celebrado este sábado no río Lérez, no que tomaron parte máis de 600 deportistas de todo o estado ao estar catalogado como Copa de España de medio maratón

II Open Cidade de Pontevedra, Copa de España de piragüismo maratón Diego Torrado

O II Open Cidade de Pontevedra, Copa de España de piragüismo na modalidade de medio maratón, encheu de embarcacións e deportistas as augas do río Lérez durante gran parte da xornada do sábado.

Eran máis de 600 os padexeiros inscritos de 61 clubs de todo o estado, pero o que máis brillou foi un dos equipos locais, sendo profeta na súa terra.

A Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra levou o triunfo por equipos tras sumar 395 puntos entre todas as categorías, desde a cadete ata a de veteranos, superando así o Club Piragüismo Pamplona (328 puntos) e o Kayak Tudense (313), que pechou o podio.

O club pontevedrés sumou un total de catro medallas, destacando o ouro logrado por Jennifer Casal na categoría C-1 senior, na que superou a Raquel Rodríguez (Piragüismo Portonovo) e Lara Outón (Breogán), prata e bronce respectivamente.

Tamén foi destacado o papel do Verducido-Pontillón, cuarto no medalleiro (dous ouros) para finalizar na undécima posición da clasificación por equipos (198 puntos).

Entre o resto de categorías cabe destacar ademais o triunfo do pontevedrés Óscar Graña e o insular Ramón Ferro (Kayak Tudense) no C-2, rememorando a medalla de prata conseguida o pasado verán no Campionato de Europa celebrado en Pontevedra.

Consulta aquí os resultados completos do II Open Cidade de Pontevedra de piragüismo maratón.