Descenso e novo ascenso en pouco máis de 24 horas. Pode ser o caso da SD Teucro, que despois de ver como a Asociación de Clubs (ASOBAL) lle deixaba fóra da máxima categoría, xunto co BM Cangas, recibían a noticia a primeira hora da tarde deste venres de que o Comité de Competición da Federación Española de Balonmán desautoriza a ASOBAL, confirmando aos dous clubs galegos na División de Honra.
Segundo transcendeu, e sen esperar á reunión que manterán o próximo venres, día 24, Federación e ASOBAL, o Comité de Competición aceptou os argumentos de Teucro e Cangas, manifestando que a Asociación de clubs non é un organismo competente para adoptar unha decisión así, que queda a expensas de análise por parte do organismo federativo correspondente.
A boa noticia era recibida con evidente satisfacción polo presidente do Teucro, Carlos García Alén, a quen lla trasladara o presidente da Federación Galega, José Luis Pérez Ouro: "Me llamó para informarme del acuerdo del Comité de Competición. Estaba contentísimo por nosotros y por el Cangas. No esperaba que se resolviese tan rápido, la verdad, pero mejor así. Ahora confiemos en que el próximo viernes quede todo definitivamente aclarado".
A resolución do órgano federativo di textualmente que “La Asamblea General de Asobal carece manifiestamente de competencia para adoptar la decisión de excluir a cualquier club, en este caso de BM CANGAS y SD TEUCRO, de su participación en el Campeonato Estatal de División de Honor Masculina - Liga ASOBAL 2015/16”.
Chama a atención a rapidez coa que ASOBAL intentou dispoñer das prazas de Teucro e Cangas na máxima categoría xa que, como confirmou a PontevedraViva García Alén, esas prazas xa foran ofertadas a Gijón e Zamora.