O Concello de Marín, premiado pola Federación Galega de Boxeo

Marín
05 de decembro 2017

O organismo federativo recoñeceu o apoio do Concello de Marín a este deporte durante a gala anual dos Premios Rubén Martínez celebrada na Coruña

Premios anuais da Federación Galega de Boxeo Team Thunder Marín

A Coruña acolleu a pasada fin de semana a gala anual dos Premios Rubén Martínez que outorga a Federación Galega de Boxeo ás persoas, clubs, institucións ou deportistas máis destacados de Galicia ou que máis colaboran no desenvolvemento do puxilismo.

Na gala tivo protagonismo Marín non só a través do Team Thunder, presente na velada que redondeaba a noite, senón co Concello que recibiu un premio polo seu apoio ao boxeo durante o ano 2016.

O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, desprazouse ata A Coruña para recibir este recoñecemento acompañado do máximo responsable do Team Thunder, Aarón González.

A xornada completouse co gran resultado de Zaira Corchero, desportista do club marinense, na velada amateur na que se proclamou campioa galega promesas ao derrotar á herculina Bea Ucha por decisión unánime. 

TORNEO INTERNACIONAL EN PORTUGAL

A actividade non cesa para o Team Thunder,  que do 7 ao 10 de decembro estará presente no Torneo Internacional Odivelas Box Cup que se celebra en Lisboa e no que participarán 300 púxiles de diferentes países.

En Portugal representarán ao equipo marinense: Amancio Martínez, Aliston Cordeiro, Zaira Corchero, Lorea Murgoitio, Mario Peteiro e Aarón González.