O Consello de Administración do Pontevedra non acepta a dimisión de Luisito

Pontevedra
06 de novembro 2017

Despois de dúas horas de reunión e ao fío das 0:30 horas da madrugada, a cúpula directiva do club granate encabezaba por Lupe Murillo anunciou que manteñen a confianza no técnico. A presidenta dará máis explicacións nunha rolda de prensa convocada para as 13:00 horas deste luns

Os conselleiros do Pontevedra chegan a Pasarón para manter unha reunión de urxencia Diego Torrado

Ata a madrugada prolongouse a reunión do Consello de Administración do Pontevedra Club de Fútbol convocada de urxencia tras o anuncio de dimisión Luisito en Talavera, a consecuencia da derrota do equipo.

Ás 22:30 horas da noite chegaba ao Estadio Municipal de Pasarón a presidenta do Consello, Lupe Murillo, e o director deportivo Roberto Feáns directamente desde a localidade manchega, e a eles uniuse o resto da cúpula directiva da entidade para analizar as palabras do técnico e tomar unha decisión con respecto ao seu futuro.

Despois de dúas horas de reunión, Murillo comunicaba a decisión adoptada, asegurando tallante que "o Consello de Administración non acepta a dimisión de Luisito. Seguirá sendo adestrador do Pontevedra".

A máxima dirixente do club recoñeceu ter falado co adestrador, pero eludiu dar máis explicacións remitindo aos medios de comunicación a unha rolda de prensa convocada para as 13:00 horas deste luns.