O Derbi da Ría entre Poio Pescamar e Marín Futsal volveu a caer a favor do equipo vermello, que se fixo coa vitoria por 2-0 para selar a cuarta praza e clasificarse para disputar o play-off polo título de liga. O equipo marinense, pola súa banda, deberá esperar á última xornada para certificar a permanencia.
Arrincou o partido con claro dominio e asedio do Poio Pescamar, que obrigaba a Patri Arruti a intervir para manter a portería a cero xa desde o minuto uno tras un dobre intento do conxunto conserveiro. Primeiro tentouno Ale de Paz e despois Laura Uña.
En todo caso, o gol non tardou en chegar. As marinenses trataron de saír co balón xogado, pero Ale de Paz cortou o pase, xutou e o rexeite cazouno Irene para mandalo á rede. Lara Balseiro, instantes despois, tivo o segundo, pero o seu disparo foise fóra por moi pouco.
Non era o comezo que o Marín quería, e é que lle estaba custando un mundo xerar perigo en portería de Irene, que interviña por primeira vez aos sete minutos para despexar un potente tiro de Gi Portes.
Co paso dos minutos parecía que as visitantes empezaban a entoarse, pero era o Poio Pescamar o que xeraba as mellores ocasións e a punto estaba de anotar o 2-0, pero o tiro de Laura Uña desde a frontal da área detívoo Patri Arruti cunha gran parada.
E foi aos 12 de xogo cando Gi Portes puido facer o empate tras unha gran xogada individual que acabou estrelando na madeira.
Entrou o partido nun ida e volta e tras os tempos mortos solicitados polos técnicos, volveu tocar ao equipo marinense, pero o disparo de Giba salvouno Martita tirándose ao chan.
Respondeu inmediatamente o Poio Pescamar cunha dobre oportunidade de Laura Uña. A primeira foise rozando o pau e a segunda tras unha gran xogada con Rocío Gómez, pero atopouse con Patri unha vez máis.
Ao fío do desacanso puido o Marín devolver as táboas outra vez por medio de Giba, pero esta vez o seu disparo detívoo ben Elena baixo paus.
Tras a continuación, o equipo rojillo saíu disposto a facer o 2-0 e conseguiuno en xogada ensaiada nada máis comezar a segunda metade. Rocío Gómez deixoulla desde a esquina a Laura Uña e esta, desde a frontal, xutou raso para bater a Patri Arruti e poñer máis terra polo medio.
Acto seguido Lara Balseiro tivo nas súas botas o terceiro da tarde, pero estrelouse coa figura de Patri, salvadora unha vez máis para evitar unha maior sangría.
A partir da media hora o Marín Futsal deu un paso adiante e Débora puido reducir distancias cun tiro raso que deu no poste. Ramiro Díaz optou polo xogo de cinco coa portuguesa como porteira-xogadora, pero o Poio Pescamar mantívose firme en defensa e mantivo o 2-0 que lle permite meterse na final a catro polo título de liga.
A pesar da derrota, as marinenses evitan meterse de novo no descenso ao estar empatadas a puntos co Viaxes Amarelle (empatou 2-2 ante o FSF Castro) e gañarlles no golaverage xeral. O Marín, en todo caso, xogarallo todo na última xornada na Raña diante do Ourense Envialia, mentres que as herculinas visitarán ao líder Burela.
Consulta a acta nesta ligazón