O Fuenlabrada, un muro defensivo que só conseguiu derrubar o Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2019

Os granates son o único equipo da categoría que lle marcou dous goles esta tempada ao Fuenlabrada, no partido disputado na primeira volta. Os madrileños, líderes de grupo, só recibiron 13 tantos no que vai de campionato

Partido entre Fuenlabrada e Pontevedra

É o líder da categoría e ademais, con diferenza, o menos goleado. O Fuenlabrada, que o vindeiro domingo (17:00 horas) visitará o Pontevedra en Pasarón, presume de ter recibido só 13 goles no que vai de campionato.

"Dice mucho a nivel defensivo del equipo que es", recoñece Luismi, que ademais fala moi positivamente do cadro madrileño ao asegurar que "no concediendo mucho, es un equipo que tampoco necesita generar muchas ocasiones de gol para hacerte daño".

Ademais o balón parado "es uno de sus fuertes", explica, ademais das transicións, polo que augura que será necesario realizar "un partido completo" para poder sacar os tres puntos en xogo.

Pero, é posible derrubar o muro defensivo do Fuenlabrada? En realidade os granates son o único equipo da liga que o conseguiron ata a data, xa que só nunha ocasión o conxunto adestrado por Mere recibiu dous goles, e foi no triunfo do Pontevedra a domicilio (0-2) na sétima xornada do campionato.

"Tienen puntos débiles y va a haber aprovecharlos, intentar hacer que no estén cómodos en el partido", sinala o técnico sobre o próximo rival.

Por aquel entón dous tantos de Arruabarrena, un deles desde o punto de penalti, deron a vitoria aos de Luismi, que agora buscan "una inyección anímica importante" porque "si somos capaces de ganarle acortamos distancias con ellos y seguimos manteniéndonos ahí arriba", declarou tras o adestramento celebrado este mércores no campo de fútbol de Cerponzóns.

Para a importante cita non estará dispoñible Romay por sanción, ademais do lesionado Javi López, pero si, salvo contratempo de última hora, o resto do primeiro plantel, que se exercita estes días con normalidade.